BRAIS GARCIA FOI A VOZ DA TORRE DE XIA-MUSEO ETNOGRÁFICO DE SAN PAIO DE NARLA  

Posted by Encarna Lago in

Ben.  Teño unha mala nova. En principio, ía falar aquí a propia Torre de Xiá, pero entre os nervios e as chuvias desta semana enfermou un chisco. Quedou afónica. Pero, coma Fortaleza precabida que que foi e é, deixounos escrita unha pequena carta, que lles vou pasar a ler.


Imaxino  moita xente ao pé de min. Visitantes dispostos a desfrutar do que nos meus adentros se está a cocer hoxe. Igual pensan que me collen de sorpresa, máis non, estaba avisada xa. Estránanse? Pois é certo. Seguro que non adiviñan como fun quen de me enterar. E como estou tan segura de que non han dar coa resposta  contareilles logo como foi.
Sucedeu o sábado pasado, á noitiña, cando xa tiña o acubillo para durmiñar preparado. “Brrrr. Vaai frío!” tremía a capela ao meu carón. As miñas pedras aguantan ben mellor cas dela polo que sempre se me achega todo o que pode buscando de tornarse o aire frío. Asi, arrimadiñas as dúas, a capela e máis eu,  pasámo-las noites mal que ben. Paquita non o sabe, cando vai un tempo tal, prendemos o lume. E menos mal! A  miña lareira máis o meu forno   contrarrestan ben estes ventos mollados e fríos. Sen eses lumes habíannos sair feas humidades nos recunchos. Así ao relento do quente, a capela ficou durmida ben pronto.  A min custoume.
 A razón foi a seguinte. Pese a idade teño o ouvido moi fino. Nestas noites, de cando en vez, os cregos ou os veciños  da contorna que non teñen cura ,esquecen de amarrar ben as  campás das igrexas. Neses casos se  o vento é forte abondo,  divírtese facéndoas chocar suavemente. Non sei por que,  mais eses harmónicos agudos e case inaudibles ao lonxe, instálanseme nas almeas nun zoar incesante.  Eu atopábame máis cansa do normal, co que pese ao boureo, fun prendendo  no sono.
Adormecida de todo,    comezou a penetrar en min ese maldito son. Espertei  e comecei a moverme inqueda, facendo estalar os meus cangos, escaleiras, barandas, marcos e portas; producindo eses sons nocturnos tan coñecidos por vós. Non me remexía no meu acubillo. Tentei adiviñar de que igrexa proviña a cantinela, máis non o lograba saber.  Desveleime de todo e entretívenme  dándolle voltas procurando  un ritmo no que cadrárelas notas. E non había xeito, nin xeito binario nin xeito ternario de facer casar aquelo. Abofé que o vento desa noite non tiña nin idea de música, pois petaba nelas sen xeito ningún.  De música non lles sei moito, pero andaba eu entre mazurcas, polcas, muiñeiras, reagges, skas, cumbias e todos cantos ritmos coñezo  que empregan ditos tempos . Cando tentaba cadrar  aquelo nun pasodoble a capela arreoume un cobadazo e rosmou algo:
“ E  pareceránche horas para andar  cantando cancións de verbena? Taste voltando unha vella tola, e virándose para darme as costas, case sen se lle entender sílaba,  recordoume que dende o de Catalina de Santirso ulir, uliría todo o museo a rosas pero eu non era a mesma de antes.”
Xa vía estranos seres luminosos, até me pareceu ver a Franco falando cuns oficiais nazis. Finalmente, ao amencer rendida polo cansancio durminme. Coma un lóstrego veu a min a cadencia dos amolantes taíños das campás. Entre soños, atopeilles sentido.  Aínda así tiña dúbidas.
Presa da ansiedade  espertei á capela  a berros e empuxóns
 “nena, nena érguete, esperta que me tes que aclarar unha cousa”
Ela, farta xa da noite que lle dera, sacodiuse de moi malos modos deixando caer todo o poallo do lousado enriba do pombal. Este proferiu un xuramento que non vou repetir aquí pero que estaba debidamente xustificado.
Logo dun momento de confusión  insistinlle á capeliña:  “Tesme que dicir se a frase emitida polas campás onte a noite ten  sentido ou non” 
A capeliña rosmou e espetoume o que segue todo dunha tacada 
“Xa che dixen que ti non es ben. E claro que ten xeito a frase, eu pilleillo á primeira. Como podes esquecer tal cousa. É unha mensaxe no antigo linguaxe das campás, o que se empregaba na idade media para comunicar novas de un lugar a outro. Envíanolo a capela do Pazo de Tor e avísanos de que o sábado vindeiro –hoxe-  vamos ter un acto en apoio dunha curta. A curta está nomeada para os premios  Mestre Mateo e chámase o Labirinto Ario. A verdá se te tivese feito o Mestre Mateo seguro que agora non che renxían tanto as almeas. (para non lembráreste da lingua das campás). “
 E deitándose de novo engadiu
 “ e agora deixame durmir, que é domingo” .

Por iso, meus queridos visitantes, non me estranei cando vin a tanta xente. Nin tampouco  ao sentir meu querido amigo Xan  Cuba preparándose na cociña  para recitar un poema de Uxío Novoneyra, e menos aínda  cando o Alfredo entrou pola porta cun neniño bigotudo collido da man

Autor: Brais García

This entry was posted on sábado, enero 30, 2010 at 22:31 and is filed under . You can follow any responses to this entry through the comments feed .

0 comentarios

Publicar un comentario